viernes, 19 de octubre de 2012

Alcoa ou pleno emprego na Mariña?

Ao final semella que imos pagar entre todos a luz de Alcoa coma antes, o mesmo que prohibiu a UE no seu día, salvo que todo sexa unha farsa para gañar votos. Lin o outro día que a enerxía eléctrica que emprega na fabricación do aluminio ven a ser entre un 40 e un 60% do seu custo de funcionamento. E que porén, o custo que lle supoñen os 2000 traballadores é só o 2%. É dicir, que os salarios dos traballadores son entre 20 e 30 veces menos que o custo da electricidade.
Supoño que é un erro, porque se é así, non entendo o negocio que facemos subvencionando entre todos nós até as dúas terceiras partes da súa factura enerxética (até un 40% logo dos seus custos totais) para manter uns postos de traballo que supoñen 20 veces menos cartos. Se as contas son esas, con eses cartos poderíamos pagar o salario de até 40000 traballadores, pero aínda que fallen algo, seguro que ben poderiamos coller aos 2000 de Alcoa e aos 4700 traballadores desempregados da comarca da Mariña.
As cousas non son tan sinxelas, porque Alcoa a maiores dos salarios paga impostos, pero é que os inspectores de facenda denuncian que coas deducións e aproveitando ocos na normativa as empresas transnacionais acaban por pagar o que queren, e de xeito habitual menos dun 15% dos seus beneficios. Menos que os autónomos, as PEMES e os asalariados. Entón, a recadación de impostos obtería unha suba enorme se eses cartos foran salarios directos e non subvencións a unha grande empresas trasnacional.
Por suposto que se simplemente se pecha Alcoa non crearíamos empregos aquí, nin os de hoxe nin outros. Por iso a proposta alternativa podería ser empregar os cartos que lles damos para transformar Alcoa nun centro de investigación e fabricación dunha Empresa Pública Galega de Enerxías Renovables, con man de obra cualificada e investigadores deses que estamos a botar, para fabricar paneis solares e miniaeroxeradores que nos liberen a todos do xugo de Eón.
Velahí a viraxe cara a unha Alternativa de verdadeiro futuro para a nosa bisbarra.

PD: infórmate sobre Alcoa y sus consecuencias ambientales: http://www.calameo.com/read/000471136b7730c85893d

lunes, 15 de octubre de 2012

Hai outro camiño


Din que non hai outro xeito de facer as cousas. Din que os nosos fillos e netos terán que ter traballos inestables e mal pagos, que é iso ou o paro. Que tras unha vida sen poder cotizar, terán pensións de miseria. Pídennos xa que baixemos os salarios aos funcionarios e as pensións aos nosos maiores. Que traballemos até os 70 anos mentres a metade dos xoves está no paro. Que menos médicos e profesores, e a pagar os libros e mesmo o uso do comedor nos colexios, as medicinas e as receitas. E ante esas peticións da dereita europea, Feijoo... convoca eleccións antes de responder.
A dereita aposta pola austeridade, pola rebaixa dos gastos do Estado, porque renuncia a incrementar os ingresos. As grandes empresas pagan aquí a metade de impostos da media europea. As grandes fortunas pagan menos que os desempregados. Os deputados teñen exentos de impostos o 40% das súas percepcións. Fai poucos anos eliminaron os impostos de sucesións e o do patrimonio, favorecendo a quen máis pagaba por eles. Namentres, soben os impostos dos cueiros e pónnos igual cos dos coches de luxo. Cando de subir se trata, súbennos os que pagamos todos por igual, cando baixan, baixan aqueles nos que pagan máis os que máis teñen.
É unha aposta política, a de favorecer a quen máis ten, a aposta pola desigualdade. Non poden axudar aos gandeiros, pero axudan ás multinacionais como Alcoa e Citroen. Non poden axudar aos parados que quedan na rúa por non poder pagar a hipoteca, pero axudan aos bancos e fan que paguemos todos a súa débeda. Non poden axudar a quen perde os cartos enganado coas preferentes, pero fan amnistías fiscais para quen os teña en paraísos fiscais no extranxeiro.
O peor é que fanno porque os cidadáns actuamos na política como no futbol. Somos dun equipo e non mudamos o noso voto aínda que saibamos que non o están a facer ben, que xa nos enganaron, que nos ocultan a verdade, que adelantan as eleccións porque despois van facer algo que nos vai enfadar, algo inxusto que hoxe non poden ou non queren ter que explicar. Semella que nós temos que serlles fideis a eles, cand son eles quen deberan sernos fideis a nós.
Non é certo que non haia outro camiño. Pero se queremos que cambie o xeito de facer política primeiro temos que cambiar nós. Non van mudar se non llo dicimos, e só hai unha linguaxe que eles entenden, só unha maneira de dicirlles se nos gusta á súa proposta para o futuro ou non. Despois, a chorar, a protestar contra os EREs no bar, a arrepentirse do voto ou de non ir votar... un día importante para os galegos, para o futuro dos nosos fillos e netos, este domingo.

martes, 2 de octubre de 2012

O desemprego, o modelo económico e o 21-O


Hai dous camiños para saír da crise; o do crecemento, e o do decrecemento. O primeiro, defendido polo PP e polo PSOE, di que para crear emprego temos que crecer economicamente. O PP aposta por crear as condicións con baixos salarios e flexibilidade laboral e esperar a que a demanda externa reavive a nosa industria, mentres que o PSOE di que hai que recadar fundos aos que máis teñen e empregalos en medidas de estímulo económico que permetan o crecemento xa.
A estratexia do PP e dos seus socios europeos non semella funcionar. O premio Nobel de economía Paul Krugman expón no seu último libro que priorizar a devolución da débeda afogando á sociedade non tivo éxito nunca antes na historia en ningures para saír dunha crise como a que vivimos. Basta ollar aos nosos veciños para ver o que nos está a esperar se non mudamos o rumbo.
A estratexia do PSOE pode funcionar como lle está a funcionar aos Estados Unidos, (é dicir, non moi ben). Cómpre unha mudanza das socialdemocracias europeas para explorar esa vía: facer no futuro políticas económicas contrarias ás que veñen defendendo nas últimas décadas, aliñarse cos intereses do 99% da poboación.
Dun ou doutro xeito, a estratexia do crecemento para crear emprego vaise topar cos límites do noso planeta: os ambientáis, e os dos recursos enerxéticos. Eses límites non son lonxanos, de acordo cos informes da Asociación Internacional da Enerxía (nada suspeitosa de ecoloxismo) que poñen o 2015 como fin dos altos prezos do petróleo: a partir da metade da década vanse disparar sen control.
A estratexia do decrecemento é máis sinxela. Para crear emprego basta repartir o existente hoxe. Que é lóxico que os avances tecnolóxicos se traduzan en máis tempo libre, e que ao repartir os cartos consumiremos menos algúns de nós, pero todos teremos o necesario, contaminaremos menos e viviremos máis tranquilos. Claro, o gran capital non vai sacar gran cousa por ese camiño.
En todo caso, cómpre lembrar que a estrutura económica da civilización é creación nosa. É o ser humano quen decide cómo se organiza, somos nós que facemos as leis e decidimos que é importante e que non o é tanto. Nada hai inmutable: as cousas seguen como están porque non nos poñemos a cambialas. O mundo está rexido por estados formalmente democráticos pero, mentres non o collamos nós, o temón vaino seguir a levar o diñeiro.
As cousas non van mudar elas sóas, pero as ferramentas están nas nosas mans. Podemos decidir movernos, ou ficar quietos. Decidiremos ao ir votar ou ao nos abster. Ninguén pode escapar desa responsabilidade: todos imos decidir o noso futuro o vindeiro 21 de outubro.