jueves, 30 de enero de 2014

Políticos que falan de políticos

Teño para min que o desinterese da cidadanía pola política non é debido ás elevadas taxas de corrupción senón ao aburrimento. Un aburrimento mortal de escoitar aos políticos falando deles mesmos, do que fan e non fan os outros, a quen corresponden as medallas, das culpas e as desculpas de todos eles. Aquí levamos anos poñendo no centro do debate saber que administración externa (Deputación, Xunta ou Estado, en función do seu cor político) inviste máis na nosa bisbarra. Coma se os cartos non foran todos nosos. Ao final conseguiron entre todos que a xente pense que a política é iso, políticos falando dos políticos.
Non é certo. Peonalizar as rúas ou facer aparcadoiros no centro, compostar ou queimar o lixo, xestionar a limpeza viaria desde o público ou privatizala, incluír a catequesis ou optar pola laicidade no ensino, priorizar entre a chegada do AVE e o mantemento do persoal sanitario ou docente, entre ampliar os aeroportos ou incrementar a cobertura da lei da dependencia, entre fomentar o aforro de auga ou construír unha traída nova, decidir que se pode facer ou non nas Catedrais ou cómo é a residencia de anciáns que precisa Ribadeo, son todas elas  decisións políticas que por suposto interesan, e moito, á cidadanía.

Á xente interésanos a política. A de verdade. Outra cousa é se os políticos teñen algún interese en que a xente saiba, fale e participe nese tipo de decisións. Vendo o que lles custa pór en marcha as ferramentas que permitan a nosa participación, semella que mellor prefiren seguir decidindo todo eles.