jueves, 21 de julio de 2016

Cinco anos confluíndo

Comecei este meu blogue en xaneiro do ano 2011. Moito ten ocorrido dende aquela, foi o ano do 15M. Eu fun dos que saín, como tantos, ás rúas, ás prazas, a xuntarme coa xente que coma min vía na televisión os feitos emocionantes que acontecían en Madrid. Saín e asembleei durante semanas, xuntámonos ducias de persoas en xuntanzas rotatorias polas vilas da Mariña e do Occidente de Asturia onde comezou o debate da participación institucional.
Eu defendí sempre que si, que había que entrar nas institucións, e busquei un partido. Poxen 50€ para a fundación de Equo e fun a varias xuntanzas, pero estaba só na Mariña, e apareceu no 2012 Espazo Ecosocialista (Ecogaleguistas, de aquela), un partido verde, de esquerda e co obxectivo de limpar de marcos o minifundio da esquerda en Galicia, con data de caducidade segundo se fose acadando ese obxectivo. Tralo paso fugaz por CxG pronto consideramos que o foro era outro e apoiamos a confluencia de Anova e EU, xunto con Equo, para formar AGE.
Pouco a pouco AGE ficou nunha simple coalición electoral de EU e ANOVA e deixamos a nosa colaboración con eles para apoiar as Mareas cidadás, máis achegadas as nosas ideas de transparencia e participación cidadá. Nas municipais puxen toda a carne no asador porque triunfara a candidatura cidadá de Ribadeo en Común. Non puido ser por 15 votos.
Se Podemos tivera nacido dous anos antes probablemente eu estaría hoxe dentro da súa estrutura e non como simpatizante externo. Hai quen, como Celtia Traviesas, pasou por Espazo e está hoxe en Podemos, e véxoo con simpatía. Eu, polo meu compromiso coa sustentabilidade, prefiro manterme en Espazo Equo (hoxe ambalasdúas formacións están a cooperar políticamente), pero iso non quita que poida botar unha man cando ma piden con Anova, EU, Podemos ou calquera outra formación política ou movemento social no ámbito local. A confluencia ben entendida comeza por un mesmo. E eu conflúo.
Por iso, cando xente de Podemos Galicia debate sobre ir só ou non ás eleccións, ou cando din que eles son a confluencia, eu penso, primeiro, que a confluencia é o 15M. Que o 15M foi no 2011, non no 2014. Que moitos dos que participamos nas asembleas xa déramos o paso que eles deron no 2014, e que os recibimos con ilusión renovada, pois a súa chegada pode darlle un novo pulo ó proxecto que quixemos que fose o AGE. Persoaimente dáme o mesmo que ese proxecto se chame Mareas o Podemos, pero non todo o mundo é tan pragmático e desapegado coma os Ecogaleguistas orixinais, e sempre será máis doado xuntarse se ninguén di ós demais que deixen as súas siglas e se integren nunha formación xa existente. Tamén é probable que se os militantes de EU, ANOVA, Equo e Espazo entraran en Podemos de vez, as xentes de Podemos o sentirían máis como unha invasión ca como unha adhesión.
Dito isto, coido que apoiar a fórmula de Mareas en Común ten o aval de que os Ecogaleguistas optamos por ela. Sen pedir escanos, postiños nin cotas. De novo, nós confluímos.

1 comentario: