domingo, 1 de abril de 2018

Revisión crítica do estudo da capacidade de acollida do MN As Catedrais.

O estudo da capacidade de acollida do Monumento Natural de As Catedrais, contido no Anexo III do Decreto polo que se amproba o seu Plan de Conservación, é a base que sustenta a limitación do acceso á praia en 4.812 persoas/día. O estudo, criticado xa polo xeógrafo Vidal Romaní en datas precedentes, contén un bo número de incongruencias que deben levar a desbotar a súa validez a eses efectos. Preténdese neste artigo analizalo co detemento preciso.
O estudo baséase na proposta de Cifuentes (1992) para espazos protexidos de Latinoamérica, modificada por Gómez-Limón García, J. y García Ventura, D. (2014) para adaptala ás singularidades de diferentes parques nacionais do territorio español. Trata de establecer un límite ó número de persoas que pode visitar un espazo sen prexudicar de xeito significativo o mesmo e mantendo unha experiencia turística de calidade.
O método diferencia a capacidade de acollida física (CAF) que ven a indicar a xente que colle no espazo da capacidade de acollida ecolóxica (CAE) que serve para limitar esa cantidade en función do impacto no ecosistema.
Capacidade de Acollida Física
A CAF calcúlase multiplicando as personas que collen na superficie do Monumento polas quendas que poden entrar nel nun día. Calcúlase a xente que colle medindo a superficie media do areal (estímase unha superficie media en marea baixa de 50.000 m2) e nas zonas visitables da zona superior (sendeiros internos do Monumento Natural (2.000 m2), restaurante (2.200 m2), aparcadoiro (1.750 m2) e merendeiro (1.700 m2). A superficie total visitable suma 57.600 m2.
Obsérvase que o estudo suma a superficie fóra da praia á do areal, cando a limitación de acceso está a aplicarse só para o areal.
Para definir o espazo que precisa cada persoa téñense en conta 3 posibilidades: un criterio de uso intensivo (5 m2/visitante), medio (10 m2/visitante) ou baixo (25 m2/visitante). Un espazo protexido de pequena dimensión e un enorme atractivo natural debera optarse polo estándar máis baixo (aínda que ter unha persoa a 5 metros de distancia todo o tempo tampouco semella ser un uso baixo).
O estudo opta, sen máis xustificación, por un criterio de uso medio. Obtemos dese xeito un dato de partida de 5.000 persoas na praia e 700 fóra dela, un total de 5.700 persoas simultáneamente no Monumento Natural.
A continuación o estudo calcula cantas quendas de visita collen no monumento, para o que divide as horas nas que a praia é visitable (estima 4 horas diarias) polo tempo necesario para visitala (estima 1,5 horas). Para a zona superior establécese unha dispoñibilidade de 12 horas e tamén 1,5 horas por visita a esta zona). O resultado son 2,66 quendas de visita á praia e 8 quendas de visita á zona superior.
Multiplicando a xente que colle simultáneamente polo número de quendas o autor obtén unha CAF de 19.420 visitantes diarios (13.300 na praia e 6.120 fóra dela).
De terse empregado o criterio de ocupación baixa, o resultado sería de 7.768 persoas, delas 5.320 na praia.
Capacidade de acollida ecolóxica (CAE)
A CAE tenta de determinar o número máximo de persoas por encima do cal comezan a aparecer impactos críticos e/o irreversibles ca dinámica natural dos ecosistemas non pode restaurar, tendo en conta aspectos como a resiliencia dos sistemas afectados ou limiar de cambio aceptable (LCA).
A calquera persoa mínimamente formada no eido ambiental non se lle escapará a complexidade da valoración apriorística da resposta dun ecosistema á acción humana: calquera modelo que pretenda facelo suporá unha enorme simplificación. Neste caso a capacidade de acollida ecolóxica estímase multiplicando a capacidade física antes calculada por coeficientes redutores en forma de porcentaxes -os factores de correción- que consideran, din as autoras, variables físicas, ambientais, biolóxicas e de manexo.
Os factores empregados para identificar aqueles impactos críticos que poidan supoñer restriccións totais ou parciais do uso público, así como plantexar medidas correctoras naqueles casos nos que os impactos sexan moderados e/ou reversibles, son os seguintes:
  • a) Factor de erosividade (FCero)
Estima a proporción da superficie do monumento natural que presenta riscos de erosión en función da pendente e do comportamento das visitantes. Considera que pendentes por baixo do 10% presentan risco 0, entre 10 e 20 risco 1 e superior a 20 risco 1,5, polo que multiplica eses valores pola proporción de superficie neses intervalos de pendente obtendo un coeficiente de 0,66. Este valor mutiplícase pola CAF reducindo o seu valor a un 66% do orixinal.
O cálculo do factor non está descrito nin xustificado axeitadamente no documento. Fálase de diferentes tipos de substrato que non son tidos en conta. Desbótase a erosión nas zonas de baixa pendente cando é precisamente nestas zonas sobre os cantís onde máis erosión aparece. Dáse o máximo valor ás fortes pendentes cando son rochosas e nelas non hai circulación de visitantes. En definitiva, substitúen a erosividade pola pendente do terreo.
  • b) Factor de marea (Fcmar) (só de aplicación na zona do areal)
A influencia da marea considérase como limitante do espazo na praia, considerándose no cálculo só as épocas de elevada demanda (Semana Santa e verán). Enténdese que hai 8 horas non aproveitables cada día das -segundo Meteogalicia- 14,03 horas de luz medias, obténdose unha proporción de tempo aproveitable do 0,43.
Lonxe de ser un factor ecolóxico, trátase dun axuste da superficie antes calculada para a marea baixa, reducindo a extensión media durante o horario de visitas a unha cifra inferior á metade do máximo.
  • c) Factor de precipitación (FCpre)
A precipitación considérase un factor nos casos en que a choiva é superior a 4mm diarios. A proporción de días sen eses niveis de precipitación na estación da escola Pedro Murias nos días de Semana Santa e verán, é de 0,87.
Non é tampouco un criterio ecolóxico senón un condicionante turístico.
  • d) Factor de superficie disponible (Fcsup) (só para a parte superior do Monumento)
Estímase para axustar a superficie efectiva á visitable, mediante un cociente entre a extensión das zonas de acceso público e a superficie total do Monumento fóra do areal. Ten un valor de 0,79.
Coeficiente redundante, dado que a superficie empregada nos cálculos excluía xa a zona non visitable.
  • e) Factor de vegetación (FCvex)
As autoras recoñecen a degradación actual da vexetación, pero entenden que unha vez implementado o Plan de Conservación os efectos non serán significativos sobre a vexetación protexida, e consideran que tampouco o serán sobre a que non o está. Non se calcula coeficiente reductor debido á vulnerabilidade da vexetación ó pisoteo, o que supón na práctica un coeficiente de 1 (ausencia de vulnerabilidade).
Sorprende que no mesmo apartado se comece admitindo un impacto actual importante e se remate coa insignificacia do mesmo. Enténdese polas autoras que grazas a unhas pasarelas que non existen non haberá pisoteo e tampouco impacto.
  • f) Factor de fauna (FCfau)
Análogamente ó caso da vexetación, enténdese que non é significativo o impacto sobre a fauna, polo que se aplica un coeficiente de 1.
Sorprende o desprezo das responsables do estudo pola análise da degradación da vexetación e da fauna nun espazo protexido tamén polos seus valores ecolóxicos e non só xeolóxicos, e sometido á maior presencia de visitantes de toda Galicia.
  • g) Factor de impactos derivados del comportamiento de las personas visitantes (FCvis)
Remata a lista de coeficientes empregados cun factor que valora a proporción de "días de non aplicación de limitacións pola escasa afluencia" (todo ano excepto Semana Santa máis 3 meses no verán) fronte ó total de días, obténdose unha proporción de 0,72.
Trátase dun coeficiente que propón unha redución da cantidade diaria de visitantes proporcional ós días sen limitación no ano. É dicir, que se a limitación de acceso fóse aplicada todos os días o coeficiente sería 0 e non podería pasar ninguén ó Monumento Natural.
Finalmente, a CAE estímase multiplicando ós valores iniciais de Capacidade de Acollida Física por estes coeficientes, excluíndo -de acordo co texto- para a zona do areal os de "erosión" e "superficie" e para a zona superior o "coeficiente de marea".
Dese xeito, para a zona do areal obtéñense, para o criterio de ocupación medio finalmente adoptado:
CAE areal = 13.300 visitantes/día x (0,43 x 0,87 x 0,72) = 13.300 x 0,21 = 2.792 visitantes/día
CAE zona superior = 6.120 visitantes/día x (0,66 x 0,43 x 0,87 x 0,72) = 6.120 x 0,33 = 2.020 visitantes/día
A suma desas cantidades é a que da o total de 4.812 persoas diarias que está a aplicarse na actualidade.
Conclusións
  • Sorprende saber que o modelo empregado pola Consellería establece un máximo de 2.792 visitantes diarias para a praia, admitíndose as restantes 2.020 visitantes no resto do espazo protexido. Porén, na actualidade a suma total está a empregarse como límite para o acceso ó areal, non estando implementada 3 anos despois limitación alguna ó respecto da zona superior.
  • Sorprende tamén que eses valores sexan produto dun erro, xa que a multiplicación dos tres coeficientes de aplicación á praia dá 0,27 e non 0,21. O 0,21 xorde de multiplicar ese 0,27 polo coeficiente de superficie 0,79, é dicir, débese a ter aplicado ó areal un coeficiente que o propio texto di que é de aplicación só na zona superior. De aplicarse o valor correcto de 0,27, a capacidade de carga resultante para a praia sería de 3.591 persoas diarias.
  • Finalmente, de aplicarse un criterio que priorice a conservación como é "de lei" nun espazo protexido habería que optar polo criterio de ocupación baixo, é dicir, polo CAF de 5.320 para a praia e 2.448 para o resto do Monumento Natural. Nese caso os valores obtidos para a Capacidade de Acollida Ecolóxica serían: CAE praia = 5.320 x 0,27 = 1436 visitantes/día, e CAE zona superior = 2448 x 0,33 = 800 visitantes/día*
  • En todo caso, a realidade é que os coeficientes de erosión, de superficie e de comportamento dos visitantes empregados, como pode deducirse deste somero análise, carecen de calquera rigor, servindo únicamente para reducir o valor físico inicialmente calculado a unha cifra que se considerou aceptable. Deben ser substituídos por unha análise rigorosa da capacidade de acollida e resiliencia dos ecosistemas presentes no Monumento Natural.

* De aquí xorde probablemente a cifra que propón Vidal Romaní para o acceso ós cantís.

NOTA FINAL: En definitiva, estes números non teñen en conta consideración ecolóxica algunha e non se poden considerar máis ca un axuste arbitrario dunha CAF arbitraria, e en nengún caso unha avaliación da Capacidade de Acollida Ecolóxica, xa que a ese respecto nin se analiza a degradación dos ecosistemas, nin a resiliencia das formacións, nin se aplicaron estudos sobre impactos do recreo na vexetación ou na fauna realizados noutras contornas similares a este espazo.

1 comentario: